domingo, 5 de abril de 2009

UNHA PEQUENA CAZA DE TESOUROS PARA VACACIÓNS

Nas vacacións son moitos os que emprenden viaxes. Neste abril, mes dos libros e das letras (o próximo 21 celebraremos o día das letras clásicas) queremos que participedes nunha viaxe para atopar os títulos e autores dun par de obras da literatura actual que beben nas fontes gregas. Esta viaxe vai ser un tanto extravagante mais, para non perdernos, imos ter a man o seguinte Mapa imaxinario de España elaborado polo escritor peruano Leopoldo de Trazegnies Granda

Como podedes sospeitar moitos dos nomes que aparecen neste mapa son invención de literatos que bautizaron desta maneira lugares da xeografía real. En dous destes topónimos literarios aparecen ambientadas algunha das novelas dos dous autores que temos que atopar.

Dos dous escritores que necesitamos buscar un foi galardoado co premio Cervantes, ao outro dedicóuselle un Día das Letras Galegas, ámbolos dous eventos aconteceron nos últimos decenios do século pasado.

O protagonista das dúas obras solicitadas comparte con Diomedes, fundador lexendario de Tui, castigo pola súa astucia e falta de escrúpulos segundo recolle nunha obra moi salientable da literatura occidental (que tamén tan influenciada está polos clásicos grecolatinos) o autor que aquí tendes retratado por Botticelli

Outro famosísimo escritor, nun poema épico, sinala ao noso protagonista como fundador da cidade da que presentamos a seguinte panorámica

Nada estraño que arribara a esta cidade quen visitou multitude de lugares e perdeu parte da súa vida en singraduras eternas e perigosas ao atraerse a cólera do deus ao que está dedicado o templo que, construído sobre un coñecido promontorio, vixía a moitos dos navegantes gregos


E mentres andaba perdido polo mundo, na súa casa todo era festa mais... cando chegue o amo será a hora do castigo dos insolentes, tal como recolle este óleo sobre lenzo de mediados do XIX pintado por Gustave Moreau:


Normalizada a situación o noso protagonista poderá compartir as súas vivencias coa fiel cónxuxe, así os retratou Francesco Primaticcio:


CUESTIÓNS:

  1. Que lugares do mapa imaxinario están ubicados en Galicia?. En que obras literarias aparecen?
  2. Que escritores utilizaron estes topónimos imaxinarios?. Onde naceron?. En que lugares xeográficos reais se inspiraron para crear estas cidades imaxinarias?
  3. Fai unha lista dos galardoados co Cervantes nos últimos vinte anos do século XX. Especifica se algún ou algúns deles son galegos. Elabora outra lista cos escritores aos que, no mesmo período, se lles dedicou o Día das Letras Galegas.
  4. Quen é o literato retratado por Botticelli?. Cal é o nome da súa obra máis salientable e coñecida?
  5. Cal é a cidade que aparece na fotografía?. Por que elementos singulares a identificaches?
  6. De que autor e poema épico do renacemento, relacionados co pais do que forma parte a cidade da fotografía, estamos a falar?. Fala da influencia da mitoloxía grecolatina no citado poema.
  7. A que deus do panteón grego está dedicado o templo?. Onde se atopa?. Fala con brevidade do citado deus.
  8. Que nome recibe unha viaxe cando resulta chea de reviravoltas e sucesos estranos e/ou perigosos?. Por que ten tal nome?. A que fai referencia?
  9. Como son coñecidos os insolentes que están de festa permanente no pazo do noso protagonista?. En que obra da literatura grega aparece recollido este episodio?. Cal é o desenlace?. Fala con brevidade do autor da citada obra literaria.
  10. Cal é o nome da cónxuxe fiel?. Que facía para manter a súa fidelidade?

RECURSOS

Nos enderezos que tedes a continuación atoparedes resposta a moitas das cuestións propostas:


SUPER CUESTIÓN:

Cal é o título das dúas obras a que estamos a referirnos?. A que autores e xéneros literarios pertencen?. Cita algunhas outras obras dos mesmos autores inspiradas no mundo clásico.

AVALIACIÓN:
As 10 primeiras cuestións valoraránse con 7 puntos.

A super cuestión conta 3 puntos.

Todas as solucións enviaránse ao meu enderezo electrónico, que xa coñecedes, nas datas comprendidas entre o 13 e o 20 do presente mes.

Ánimo! a investigar e acertar para que a caza resulte proveitosa!


No hay comentarios: