miércoles, 4 de febrero de 2009

VIAXE VIRTUAL A GRECIA

Corren tempos de crise e se ben é certo que as nosas economías non están para facer turismo por Grecia, non temos razóns para deixar de coñecer algúns dos lugares máis emblemáticos e pintorescos da terra que é cuna da civilización occidental. As novas tecnoloxías meten nos nosos fogares Grecia. Se nós non imos a Grecia é Grecia a que ven a nós: abrámoslle as portas.

Un bo inicio pode ser este paseo por algúns lugares, paisaxes e monumentos desta Hélade morada das divindades.

Profundicemos agora un pouco comezando por Atenas, epicentro desta civilización, cidade que conserva numerosas pegadas do seu magnífico pasado, por exemplo, a Acrópole e, dentro dela, o Partenón.

Visitemos o cabo Sunión cos restos do seu templo dedicado a Poseidón.


Paseemos pola Micenas, patria de Agamenón, polos santuarios apolíneos de Delos e Delfos (este último tamén un dos máis importantes oráculos), polo monte Olimpo residencia de deusas e deuses, por Olimpia (orixe dos xogos), por Epidauro (santuario de Asclepio e famoso teatro) ou por Rodas (sede dunha das marabillas da antigüidade: o Coloso)

Mais non quedemos só coas grandezas pasadas, saibamos algo da Grecia actual, pequeno pais da Unión Europea que, tendo no turismo (cultural ou de sol e praia) unha das súas principais fontes de riqueza, está sempre disposto a recibirnos.

E agora, unha vez que fixemos a visita, estamos en condicións de contestar a estas cuestións (se tedes dúbidas non esquezades que podedes repetir a viaxe, íntegra ou parcial, cantas veces queirades). Ánimo! con tantas idas e voltas o mundo grego resúltanos moi familiar.

Agardo os vosos comentarios e respostas. Podedes facelo, previa identificación, neste mesmo blog ou excepcionalmente en formato papel.

CUESTIÓNS.-

1. O Partenón é un dos templos da acrópole ateniense, en que época foi construído e cales foron os seus arquitectos?; que estatua albergaba no seu interior? por quen foi esculpida?

2. Que outros templos poden visitarse na acrópole ateniense?

3. Cal era a cónxuxe oficial de Poseidón? Que relación hai entre a mítica Atlántica e Poseidón?

4. Qué relación ten Apolo cos xogos Píticos e co "ónfalos"?

5. Cita as principais deusas do panteón grego. Cal era a función de cada unha?

6. Cando, onde e con que finalidade xurdiron os Xogos Olímpicos?

7. Amais de polo teatro, por que é coñecida Epidauro? Que relación hai entre Asclepio e Epidauro?; e entre Asclepio e Apolo?

8. Capacidade e antigüidade do teatro de Epidauro. Despois de investigar pola túa conta fala con brevidade doutros teatros do mundo grego.

9. Que estatua actual polo seu tamaño é semellante ao Coloso de Rodas? O Coloso era unha das marabillas da época, cita outras marabillas do mundo antigo.

10. Tras facer unha pequena investigación persoal fai unha breve sipnose da Grecia de hoxe.

martes, 3 de febrero de 2009

Gregos e galegos

O descubrimento no concello de Oia, tralas riadas de outono de 2006, dun petróglifo duns 3.000 anos de antigüidade representando un veleiro (na época solo coñecidos no Mediterráneo Oriental) e o libro de Alberto M. Carrillo, Origen griego de Tuy (sic). Historia y tradición, volveron poñer de actualidade a posible e discutida presenza dos Gregos no Noroeste Peninsular.

É Asclepiades o primeiro autor que inicia a moda da orixe grega das cidades galegas, moda continuada despois polo Licenciado Molina (Ourense sería fundación de Anfíloco, Tui de Diomedes, Pontevedra de Teucro ...) e múltiples historiadores locais.

Coincidencias lingüísticas (grego e galego son linguas indoeuropeas) ou toponímicas, costumes similares ou esporádicos achados de cerámica non acreditan unha presenza colonial grega estable nestas terras noroccidentais mentres as fontes arqueolóxicas non sexan máis explícitas.

E por se aínda abrigabamos dúbidas, o profesor Juan J. Moralejo é moi explícito no seu recente Callaica Nomina para desmontar as argalladas das orixes e parentescos, helenos e troianos, da nosa terra.