domingo, 23 de noviembre de 2008

CRÓNICA DUN APAGÓN DIXITAL

Felipe II non mandou á Invencible para loitar contra os elementos. Tamén os Centauros e as Centauresas -en acto e en potencia- reunidos en Compostela non fumos quen de loitar contra os duendes informáticos que alteraron a fase presencial do curso Chiron 2.0. Hai que verlle o lado positivo: os exotéricos (tal o meu caso) podemos cargar a culpa das nosas ignorancias superlativas aos malos daimones. Mais agora comeza a fase práctica e como non lle poñamos velas a telefónica, vodafone, yoigo... para que con problemas técnicos disimulen as nosas torpezas imos quedar en evidencia; esperemos que a paciencia e bo facer dos esotéricos nos leve a bo porto.

DIOMEDES E TUI

Din as vellas lendas que un día perdido na noite dos tempos o heroe Diomedes, fillo de Tideo, remontou as augas do pai Miño e, nun pétreo outeiro, fundou Tui. Nin a historia nin a arqueoloxía son quen, ata o presente, de apoiar esta fundación que faría aos actuais tudenses descendentes directos dalgúns daqueles gregos belicosos contrincantes dos gloriosos fillos de Troia. Mais... que importa que a historia non sexa verdadeira se está ben trobada?

Con orixes gregas ou sen elas, desde esta acrópole de fronteira queremos compartir coa aldea global o noso entusiasmo por todo o relacionado coa civilización helénica porque, como tantas veces se ten dito, tamén nós somos gregos.